Sunday 28 de April de 2024

Rematadas as obras para a posta en valor da contorna da igrexa de San Martiño e do lugar de Cances da Vila


Nestes momentos están en contratación outros dous proxectos de mellora do rueiro interior do Vilar do Carballo (Oza) e Arnados (Razo)

O Concello de Carballo está a desenvolver nos últimos anos actuacións de posta en valor dos núcleos rurais tradicionais e das contornas das igrexas parroquias. A última consistiu na mellora do núcleo de Cances da Vila, executada pola empresa Conscyc2020SL cun orzamento superior aos 120.000 euros.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse para ver o resultado da intervención, que consistiu, por unha banda, na pavimentación con formigón das rúas de Cances da Vila nunha superficie de 3.850 metros cadrados, ao tempo que se aproveitou para estender a rede de abastecemento de auga nunha lonxitude de 600 metros, e para acondicionar novas franxas verdes e adoquinadas que dignifican a contorna da igrexa.

En breve será adxudicado un proxecto similar para o núcleo do Vilar do Carballo, na parroquia de Oza, no que se pavimentarán con formigón un total de 6.500 metros cadrados de vías interiores, e ademais aproveitarase para completar a rede de saneamento municipal. O orzamento supera os 200.000 euros.

Tamén está en fase de adxudicación a mellora do viario interior do núcleo de Arnados, na parroquia de Razo, cun orzamento próximo aos 400.0000 euros. A intervención inclúe a pavimentación das rúas Méndez Núñez, Almirante Mourelle, Arroaces, Mar Mediterráneo, Mar Cantábrico e Atlántico. En total, 7.200 metros cadrados. As obras aproveitaranse para estender a rede municipal de saneamento e augas pluviais na rúa Mediterráneo. Así mesmo, o proxecto inclúe a creación de zonas verdes, nas que se plantarán 30 árbores, e mobiliario urbano.

Despois, polo tanto, dun investimento superior aos 700.000 euros, Arnados, Vilar do Carballo e Cances da Vila sumaranse a unha rede cada vez máis ampla de núcleos rurais tradicionais onde estamos a aplicar a guía de boas prácticas editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, coa que se pretende racionalizar o crecemento dos núcleos rurais ofrecendo solucións e alternativas actuais que permitan potenciar o modelo tradicional de asentamento sustentable e respectuoso co medio. Os Vilares (Sísamo), Cances Grande, O Rodo (Oza), Vilar de Cidre (Razo), Castrillón (Lema), parte da Baixa de Entrecruces ou a contorna da igrexa de Rus, entre outros, son os exemplos que queremos seguir estendendo.